E como colofón do curso 2018-19 a vogalía de visitas culturais organizou unha visita a un Museo. Esta vez ao Museo Casares Quiroga, situado na Rúa Panaderas da nosa cidade e que foi lugar familiar deste político. Alí foi a nosa cita o pasado día 24 e, a pesar do día desapacible que se nos presentaba, ás 17 horas comezaba con moita puntualidade a visita guiada por Jacobo.
A Casa Museo consta de tres andares. A parte baixa amosa exposicións temporais e, no resto das prantas, faise unha recreación da vivenda deste político republicano que chegou a ser Presidente do Goberno. Toda a casa está chea de pezas orixinais, documentos e fotografías dese momento histórico tan crucial na historia recente de España e máis concretamente do republicanismo galego. Moitas fotos son da súa filla, a actriz María Casares.
Na Biblioteca, o cuarto máis grande da vivenda presidida por unha gran foto de políticos desa época, tivo lugar a continuación unha charla sobre a vida e o momento histórico de Casares Quiroga a cargo da profesora da UDC, Margarita Vilar Rodríguez. Brillantemente fixo un percorrido pola súa vida e polo momento historico referido, desde o seu nacemento no ano 1884 ata a súa morte, exiliado en París no ano 1950, cun gran dominio da temática e gran capacidade para manter a atención das persoas alí presentes.
Saímos máis documentadas sobre a visión dada da recente historia de España, ás veces, un pouco esquecida.