Saímos de A Coruña ás 8 da mañá cara ao Caurel e Mirtha, Vocal de Viaxes Culturais e Vicepresidenta de ADAYEUS, dounos a benvida aos 54 soci@s que tivemos a sorte de poder disfrutar desta viaxe. Comentounos que esta primeira saída sería distinta da que estamos acostumados a realizar con esta vocalía xa que, nesta ocasión, a protagonista sería a natureza.
A Serra do Courel está situada ao leste da provincia de Lugo. Consta de elevadas montañas, de liñas suaves como Pía Páxaro e Formigueiro, e de profundos vales, formados polo curso de varios ríos, dos cales o principal é o Lor, afluente do Sil. Conserva o encanto do autóctono coa súa flora e coa súa fauna, así como dunha arquitectura popular de centos de anos. A maiores, no outono a explosión da natureza é espectacular. Árbores con follas de moitas cores, troncos rachados, musgo e regatos que forman unha paisaxe que nos fai sentir moitas emocións e transportarnos a un lugar máxico
Accedemos ao Caurel por Pedrafita despois de percorrer 150 Km. Alí recollimos aos guías Marcos e Rebeca. Teño que dicir moitas cousas boas do guía, como que comunica ben, que coñece moi ben a zona pero sobretodo, o compromiso que ten con estas terras. Utilizaba o humor para describir a paisaxe e contounos moitas anecdotas que facían manter a atención. O seu obxectivo era: “ disfrutar o espacio natural e que nos quedaran ganas de volver”.
Logo de tomar un café en Seoane, o bus tomou rumbo cara a Seceda.
A árbore por excelencia na súa contorna son os castiñeiros que lle servían á poboación para quitar a fame e darlle material de construción. Este pequeno nucleo foi unha das parroquias máis importantes da comarca. Pero, debido ao seu illamento dos grandes núcleos, sufriu durante anos o éxodo dos seus habitantes. Hai uns anos foi rehabilitada de maneira íntegral, utilizando materiais da contorna como a pizarra e a madeira de castiñeiro e, salvagardando o seu valioso patrimonio de arquitectura popular. Casas de pedra e teitos de lousa, albarizas para a produción de mel dan a este lugar un aire medieval. Foi declarada Ben de Interese Turístico (BIT). A continuación chegou o momento gastronómico e para iso desprazámonos ata Paderne á Casa As Triegas. Comemos empanada, troitas, tenreira e xabarín ademáis duns sabrosísimos postres. A comida estaba deliciosa.
Ao saír do comedor agardábamos unha sorpresa moi agradable. Un gaiteiro e un percusionista amenizáronnos con música do folclore galego. Moitas compañeiras animáronse a bailar a muiñeira, é que a música fixo unha invitación ao movemento con enerxía contaxiosa. Dende alí desprazámonos andando para ollar unha árbore senlleira: O castiñeiro do Val da Fonte. Destácase polo gran tamaño e por ter unha gran cavidade no tronco.
A nosa última parada foi o Alto da Pedra, onde a maioria de nós animámonos a subir para ver a liña divisoria de dúas vertentes diferentes: a do val do Río Louzara e a do val do Río Pequeno. Unha paixase realmente espectacular.
Chegou a hora de voltar. En Pedrafita despedímonos dos guías e, a continuación o bus enfilou cara á Coruña onde chegamos coa sensación de ter feito unha viaxe á Galicia auténtica e unha satisfación pola camaradería amosada por todos os compañeiros.
Grazas ao condutor, José. Fomos conscientes da dificultade de acceso aos lugares visitados. E grazas tamén, a Adayeus e, concretamente á vocalía de viaxes culturais.
A Coruña, 18 de outubro de 2025
Asdo.: Mª Dolores Domínguez Salgado
Socia ADAYEUS
Album fotos: https://photos.app.goo.gl/qvGYep5rQvKzAHSs5
