Tras catro cursos de formación académica, nos que os alumnos satisfacen as súas inquedanzas formativas e intereses culturais, chegou o momento da graduación coa entrega de Títulos de Graduados Sénior pola Universidade da Coruña.
Este ano, a cita do acto programouse no Campus de Esteiro en Ferrol, e alí, ás 11 da mañá do día 7 de xuño estabamos os 87 alumnos da Coruña que xunto aos 43 de Ferrol faciamos un total de 130.
Ademais estaban os alumnos das Pontes que participaron no proxecto de democratización do coñecemento: Compartir experiencias e coñecemento, e que tamén recibiron os seus diplomas de asistencia.
Comeza o acto coa actuación do coro da Universidade Sénior de Ferrol interpretando “Gaudeamus Igitur”.
A mesa presidencial está composta pola Vicerreitora da Universidade da Coruña, Dª Nancy Vázquez; a Directora da Universidade Sénior da Coruña, Dª Matilde García; o Director da Universidade Sénior de Ferrol, D. Alberto Sucasas: os padriños das promocións Dª Manuela Santos polo alumnado de Ferrol, e D. Juan José Galán polo alumnado da Coruña. Un pouco máis tarde incorpórase o Concelleiro de Facenda do Concello das Pontes, D. Antonio Alonso, que se desculpou polo seu retraso.
Comezan as intervencións. A primeira é a representante dos alumnos de Ferrol, Mercedes Crego, que agradece enormemente ao profesorado que impartiu con calidade a docencia e que fixo que nos achegáramos ás novas tecnoloxías. Aos compañeiros deulle as grazas polos vínculos creados entre todos e agradece o compartir tempo.
A continuación intervén Carlos Maroño, representante dos alumnos da Coruña. Fixo unha reflexión cara a captar as diferenzas entre ter que saber por obriga, para prepararse para a vida e o saber para desfrutar e descubrirse a se mesmo, sendo este un dos obxectivos da Universidade Sénior. Agradeceu tamén ao noso padriño, Juan José Galán, o ter aceptado esta designación, e eloxiou a súa amabilidade, empatía e o seu trato cordial.
Juán José Galán é o seguinte en intervir. Afirma que, para el, foi unha honra o que se lle elixira padriño da promoción. Quere compartir as súas conviccións sobre o mundo académico, onde se trata de formar cidadáns máis críticos, máis cultos e comprometidos coa sociedade. Anima a seguir acudindo a institucións como a Universidade Sénior, que sempre terá as portas abertas para persoas interesadas polo saber.
Logo desta intervención toma a palabra Manuela Santos, madriña do alumnado de Ferrol. Dedicou unhas emotivas palabras a todos os graduados, en especial ao alumnado de Ferrol. Fixo unha comparación entre os alumnos Júnior e os alumnos da Sénior. Os primeiros chegan ás aulas cunha mochila valeira que irán enchendo ao longo da súa vida, os alumnos da Sénior, chegan cunha mochila chea de cousas positivas e sabedoría, pero tamén veñen con cousas tristes, de reveses que aparecen ao longo da vida. Afirmou que se da por satisfeita se nas súas clases contribuíu a disminuir esas tristezas.
Antonio Alonso, Concelleiro das Pontes agradece a Universidade por asinar o acordo que permitiu facer o proxecto “Compartir experiencias e coñecemento” tan ben aproveitado e anima a seguir nesta líña de “non parar de aprender”
A seguinte intervención foi a cargo do Director da Universidade Sénior de Ferrol, D. Alberto Sucasas. Felicitou a toda a comunidade polos XV anos de andadura desta Universidade que comezou no ano 2001. Destacou a honra que supón compartir a calidade emocional deste acto. Entre todos, dixo, creamos un “espíritu sénior”.
A Directora da Universidade Sénior da Coruña, Dª. Matilde García, comezou a súa intervención cun agradecemento xeral: á Vicerreitora, aos profesores, ao persoal de administración e sobre todo ao propio alumnado da Universidade Sénior. Entre todos, dixo, facemos que esta viaxe sexa posible. Anima a continuar estudos ben en materias propias desta universidade como oíntes, en talleres, ou ben, tamén como oíntes nas titulacións oficiais que se compartirían con outras xeracións. Anuncia novos proxectos que se porán en marcha proximamente.
A Vicerreitora, Dª Nancy Vázquez remata as intervencións. Transmite en nome do Reitor e todo o seu equipo as felicitacións aos novos graduados. Afirma que é un pracer a docencia nesta Universidade e, asegura que o profesorado lle transmite o enriquecemento persoal co debate que se crea nas aulas, xa que estamos nelas polo pracer de aprender. Agradece, en nome do equipo docente, todas as iniciativas que pon en marcha a Universidade, pola boa acollida que teñen.
Dá as grazas ao Concello das Pontes polo entusiasmo que puxeron coa posta en marcha do Proxecto, e tamén á Xunta de Galicia polas subvencións aportadas.
Informa da programación que se vai levar a cabo o vindeiro curso para os graduados sénior, polo que, o alumnado que así o desexe, poderá continuar na Universidade. Será un programa de formación específica: Novos Retos en Sustentabilidade. A duración será de 30 semanas.
Para rematar o acto actuou novamente o coro que interpretou, todos en pé, o Himno Galego.
A continuación, a maioría de graduados desprazámonos ao Parador de Ferrol para xantar.
Remato esta crónica cun agradecemento aos organizadores deste acto, que foi emotivo para todos.
Felicitacións aos novos Graduados da XV promoción!!!
A Coruña, 7 de xuño de 2019
Asdo. Mª Dolores Domínguez