Tal e como estaba programado pola Vogalía de Saídas Culturais de Adayeus (4/12/2018 ás 17:15h), un grupo de alumnos asistiu na Fundación Barrié, a unha visita guiada sobre a obra da artista mexicana, Graciela Iturbide: unha das fotógrafas máis destacadas da escena contemporánea internacional.
A súa traxectoria como fotógrafa iníciase a finais da década dos sesenta, tras ingresar no Centro de Estudos Cinematográficos de México. É neste lugar e da man do gran mestre da fotografía mexicana: Manuel Álvarez, onde descubre na cámara fotográfica un auténtico medio de expresión creativa.
No percorrido da visita víronse os retratos dos indios Seris, a visión da artista sobre as mulleres de Juchitán (no Istmo de Tehuanpetec, Oaxaca), ou o seu fascinante ensaio sobre os paxaros que leva anos fotografando, entre outras fotografías. Cabe destacar, as fotos do baño da casa Museo de Frida Kalo, nas que reinterpreta os obxectos e aparellos que alí se atopan. Todas as súas fotos son en branco e negro.
A obra da artista gustou moito aos presentes, segundo os comentarios que se escoitaban ao seu remate e tamén pola excelente explicación do guía: Antonio Otero.