Conscientes de que a nosa cidade ten bastante historia que todos os coruñeses deberiamos coñecer, Adayeus organizou unha visita guiada ao Castro de Elviña. A cita foi ás 10:30 do día 3 de abril no Campus Universitario de Elviña.
O Castro de Elviña é un gran referente histórico e, con toda seguridade, o máis antigo da cidade e o máis descoñecido.
Poboado fortificado prehistórico característico da cultura castrexa galega, habitado entre o século III a. C. e o século IV d. C., está considerado un dos máis grandes de Galicia. Está formado por varios recintos separados por tres murallas, entre as que destaca a que rodea a acrópoles (a zona central e máis elevada), cunha entrada que se atopa flanqueada por dous torreóns defensivos semicirculares. Tamén se atopan singulares construcións como a fonte- alxibe e a construción onde se atopou o famoso tesouro de Elviña que se conserva no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.
A pesar do día tan desapacible que tivemos, María, a nosa guia, fixonos un percorrido moi interesante polo recinto e animounos a asistir algún domingo ás 12 horas á visita guiada gratuita.
http://www.coruna.gal/castroelvina/es