As 19:30 horas do pasado mércores as portas do Cemiterio de San Amaro abríanse de cheo e facía a súa aparición unha ánima en pena, Fiz de Cotobelo. Presentábase cunha capa negra e cun sombreiro de copa, mentres os 40 alumnos da Universidade Sénior estabamos expectantes ante este personaxe tan singular.
Antes de entrar no propio cemiterio, Cotobelo díxonos que os vivos non podían entrar e explicou a lenda de San Amaro.
O día era especialmente desapracible. Dentro, todo tenebroso, as luces dos farolillos iluminaban o percorrido, a voz de Cotobelo narrando historias doutras épocas e as nosas risas formaban o escenario perfecto para pasar un rato inolvidable.
Pouco a pouco fomos percorrendo a necrópoles, facendo parada en sepulturas de persoas relevantes na nosa cidade. Así coñecemos historias de galegos das nosas letras como Pondal, Pérez Lugin, Curros Enriquez, e como non podía ser menos, de Fernández Flórez, pai do personaxe de Fiz de Cotobelo no Bosque animado. Tamén houbo paradas na casa definitiva de Juana de Vega, gran benefactora da Coruña e que foi soterrada xunto co corazón do seu home.
Máis paradas en sepulturas de músicos, militares, políticos… Todo explicado con moitas anécdotas polo noso guía.
Para rematar unha parada no Panteón da Familia González Valeiro, toda unha escultura neoclásica digna de admiración na que foi soterrada, entre 1940 y 1979, Mari Carmen González-Valerio, unha nena coruñesa da que se iniciou o proceso de beatificación.
A carón, Manuel Murguía e os cinco fillos de Rosalía de Castro.
Grazas, Fiz de Cotobelo, por cambiar a túa querida fraga de Cecebre para facernos de guía en San Amaro e contribuir a disfrutar dunha noite máxica!