A Coruña, 26 de xaneiro de 2023.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou onte na Cidade das TIC da Coruña no acto de presentación dos primeiros avances do que será o maior estudio audiovisual virtual de España xunto con María González Veracruz, secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Inés Rey, alcaldesa da Coruña, Julio Abalde, reitor da UDC, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e Jorge Algora, presidente do Clúster Audiovisual de Galicia.

Valentín González Formoso asegurou que este estudio audiovisual virtual será “o primeiro gran proxecto audiovisual que se fará realidade na Cidade das TIC, a principios de 2024”.

O novo estudio audiovisual virtual xa ten ubicación concreta: vaise executar na parcela 19 da Zona 02 Cidade das TIC, nunha nave de nova construción que contará cunha superficie construída de 1.600 metros cadrados, dos cales 750 metros van estar dedicados a albergar un plató inmersivo con tecnoloxía pioneira en Europa que permitirá para recrear dixitalmente calquera escenario real ou de ficción. Nesta localización vaise instalar un gran estudo virtual inmersivo de máis de 20 metros de ancho e oito metros de altura, configurado por 758 paneis LED de alta resolución.

Formoso detallou que este estudio permitirá crear contidos inmersivos para producións de ficción, realidade virtual e aumentada, que son de aplicación no campo cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos. “As produtoras audiovisuais “poderán recrear o deserto do Gobi, o polo norte ou a quinta avenida de Nova York sen saír da Coruña”, explicou o presidente.

Segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, o proxecto suporá un investimento de case oito millóns de euros, dos que cinco millóns estarán financiados a través dos Fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España e arredor de tres millóns con fondos propios da Deputación da Coruña.

O presidente apuntou tamén que o proxecto suporá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do Plan “España, Hub audiovisual de Europa”, dotado con máis de 1.600 millóns de euros de orzamento ata 2025, que vai destinado a transformar o ecosistema audiovisual do país, impulsar a súa internacionalización e competencia nos mercados internacionais.

“A idea de ubicar este espazo na Cidade das TIC da Coruña nace co obxectivo de crear sinerxías co sector tecnolóxico, xa que alí poderá atoparse nun futuro próximo boa parte do talento dixital de Galicia”, afirmou Formoso, que remarcou que a Deputación “xa está a traballar, de forma dilixente, xunto co Clúster do Audiovisual Galego no deseño da infraestrutura, na licitación das obras da nova nave, e na xestión do propio espazo, porque é fundamental acertar en todas as fases do proceso”.

 

González Veracruz destaca a “exemplaridade” do proxecto

A secretaria de Estado, María González Veracuz, resaltou a “exemplaridade do modelo de actuación para sacar adiante a idea, que nace desde abaixo, a través da forza dun tecido empresarial moi potente, pasando polo liderado da Universidade e finalizando coa execución exemplar das políticas públicas a través da coordinación entre as diferentes administracións e da colaboración público-privada”.

González Veracruz considerou que o Plan España, Hub Audiovisual de Europa é “pioneiro” e contribuirá a apoiar e promocionar o talento existente no sector e a incrementar ata nun 30% o número de producións audiovisuais do noso país.

“Os fondos Next Generation son unha oportunidade única que este país está xestionando de forma exemplar. Están aquí en Galicia en termos de conectividade de banda ancha, de despregamento do 5G e de proxectos coma este, destinados a impulsar o sector audiovisual”, afirmou a secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

Inés Rey quixo destacar que “despois do nomeamento da Coruña como sede de AESIA, esta nova instalación sitúa a nosa cidade como polo tecnolóxico a nivel nacional” e subliñou que “todo isto demostra o noso potencial á hora de acoller proxectos e eventos dentro deste sector”.

Segundo apunta Jorge Algora, “esta aposta é apoiada por todo o sector e permitirá que o audiovisual galego se consolide e sexa diferencial a nivel nacional e internacional, obtendo unha maior reputación e atraendo talento de moitas zonas xeográficas”.

Pola súa banda o reitor da UDC, Julio Abalde, celebrou “o éxito deste proxecto, posto que a nosa universidade dispón das titulacións indicadas para formar aos potenciais usuarios destas instalacións”. Neste sentido, a UDC ofrece os graos en Comunicación Audiovisual; e Creación Dixital, Animación e Videoxogos e os másteres en Produción Xornalística e Audiovisual e en Deseño, Desevolvemento e Comercialización de Videoxogos. Abalde engadiu que “grazas a este Hub audiovisual conseguirase dar o impulso necesario para darlle un futuro a todo ese talento crecente no eido audiovisual” que desde a UDC contribúen a formar.

 

Foto: Desde a esquerda, Cristina López Villar, vicerreitora de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC; Julio Abalde, reitor; Valentín González Formoso, presidente da Deputación; María González Veracuz, secretaria de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais; Inés Rey, alcaldesa; José Miñones, delegado do Goberno en Galicia; e José Ramón Riobóo, vicepresidente da Deputación.