Comezamos ano cunha visita o día 28 de xaneiro á Compañía de Tranvías da Coruña. Ás 10 horas achegounos ata cocheiras un bus urbano que nos recolleu diante do Edificio Normal. Primeiramente tivemos unha charla informativa na que coñecimos un pouco sobre a historia da Compañía.
Facendo historia:
A Compañía de Tranvías é unha das empresas máis antigas da cidade e cando se fundou, no ano 1903, aínda non había autobuses. A xente viaxaba en tranvías tirados por dúas mulas. Máis tarde as mulas foron substituídas por electricidade. Dúas pértegas saían do seu teito para conectalas á corrente eléctrica.
No ano 1979 os trolebuses foron substituídos polos autobuses urbanos que agora coñecemos, aínda que eran moi diferentes aos actuais.
Actualmente tranvías Coruña chega a todos os barrios da cidade con 24 liñas. A flota vaise renovando con autobuses máis modernos, máis seguros e respectuosos co medio ambiente.
Logo das explicacións percorremos o tren de lavado; o taller; e a sala de control, onde, a tempo real, vimos o movemento de todos os autobuses que circulan polas rúas.
Concluimos coa convicción de que o transporte público é a alternativa máis ecolóxica para os desprazamentos que se fan na cidade ao tempo que mellora a mobilidade urbana i evita retencións e atascos.
Debido á gran demanda que houbo, esta visita farase de novo en próximas datas.
Grazas a Tranvías Coruña por abrirnos as súas portas!!!